Tumgik
cousi-as-blog · 11 years
Text
Hai un paraíso
O dicía Luar na Lubre nunha fermosa canción, aínda que non fora polo mesmo lugar ao que lle adico estas líneas. O dixo Castelao cando aproveitaba para vir tomar os baños ao que agora é un colexio que vislumbra merda por todas as fiestras, máis os paraísos non sempre son estéticos. Gosto de chamarlle paraíso polas súas xentes. Eu, que medrei aquí, non podo estar máis que agradecido de todo o que me ensinaron, e sobre todo o que me demostraron. As veces, e case sempre, son os que menos teñen os que máis dan, aínda que non sempre sexa material. Dan lecións de vida, das reais, das experiencias...algo que comezo a entender agora que estou abandoado esa prepotencia tan característica da adolescencia, e que non todo o mundo cura. A humildade coa que as miñas xentes fixeron a súa vida non se ensina na escola, a bravura coa que defenderon a súa dignidade coma persoas non sae nos medios, o cariño que me levan demostrado ao longo do tempo non se merca con diñeiro. Lembro da miña infancia coma se sentían orgullosos por verme cunha cana de pescar e disfrutaban contándome historias do mar, como cando me vían cunha pelota lembraban o veciño que xogara naquel Pontevedra da primeira división, coma cando estaba xogando cos meus nos traían a merenda e nos contaban as épocas de fame. Podo dicir que foron os meus segundos libros de historia no seu tempo, e que pouco a pouco vanse convertendo nos principais, pois gracias a eles son capaz de comprender moitas cousas. Agora comprendo porque comparten todo o que teñen, que son as súas vidas, e o máis importante, o seu orgullo por pertencer a esta parroquia. Grazas a eles son quen son e non podo máis que defender a dignidade de Lourizán, por moito que nos queran esquecer e o noso territorio sexa do máis parecido a Chernobil que podemos atopar na Galiza. Aquí houbo un paraíso terrenal, máis agora hai outro máis importante, a memoria, a conciencia e a dignidade. Por todo isto, grazas.
2 notes · View notes
cousi-as-blog · 11 years
Text
Canso
Canso
Canso de escoitar mil escusas, de verme aquí versando merda farto de insensatos salvapatrias que nos queren roubar a terra. Canso de berrar neste silencio xa nada por dicir me queda a estes cabróns sen alma que tampouco teñen orellas. Canso de ver morte e fame mais non sinten nin penan son igualiños as rochas sen corazón, sen conciencia.
0 notes
cousi-as-blog · 11 years
Text
Realidade
O derradeiro suspiro foi para deixar constancia do seu amor á familia. Todos ficaron mudos cando abriron aquel sobre. Dentro do baño de bágoas que alí se atopaba, un rostro mantíñase calmo, coma se non rematara de crer o que tiña diante; mais era certo. Era tan certo coma que o problema non rematara, de ahí que a muller debatira entre a pena e o odio. Os comentarios non tardaron en aparecer, dende que tiña un querido e por iso non choraba ata que foi ela quen o matara e escribira a carta para que non a inculpasen. A vida golpeaba con forza a esta familia cunha orde de desafiuzamento e cun futuro máis que incerto.
0 notes
cousi-as-blog · 11 years
Text
Monotonía
Todas as mañás repite un guión similar ao do show de Truman. Nada mais sair da seguridade da cama e previo paso pola ducha colle un café que deixou feito da noite anterior e le o xornal. Rara vez cambia o rostro por moi crueles que sexan as novas, coma un anestesiado nun quirófano que non se inmuta cando o abren pola metade. Acto seguido prepara o maletín e pilla o metro para ir a oficina onde traballa. Alí máis do mesmo, toma un café a media mañá e realiza a súa labor tal como manda o seu contrato. Cando sae vaise polo bar dun colega a tomar unha caña, as veces cos seus compañeiros outras cos seus amigos de toda a vida. Alí xogan unhas cartas e contan batallitas ata facer tempo para a cea. Antes de voltar recolle a súa muller, que sae unha hora máis tarde do seu traballo e van paseando a casa pensando no que van cear, pois ambos os dous comen calquera cousa para saír do apuro e deixan o pracer dunha boa comida para a cea. Ao rematar fan café para o día seguinte, ela colle un libro mentres el deixa recollida a cociña. O único que varía nas suas vidas e ese tempo antes de ir pra cama, o cal sempre aproveitan ao máximo para rachar coa monotonía que os rodea.
0 notes
cousi-as-blog · 11 years
Text
As armas non fan camiños
Fai pouco tempo miña nai contoume a historia dun veciño na posguerra civil, que  como moitas outras ten a tristeza e a dureza por protagonistas e narra un exemplo de superación desas barreiras. Coa guerra rematada e as forzas do movemento aniquilando aos combatentes do bando republicano, as xentes que non puideron marchar tiveron que autoexiliarse dentro de Estado. Como as visitas dos falanxistas eran tan comúns coma a chuva este home decidiu que os fillos pensaran que el estaba morto, ainda que pasaba por casa moi de vez en cando, grazas a colaboración da veciñanza e a un tunel que conectaba a sua casa co monte, por onde entraba escapando das escopetas directo a un falso techo no que aposentaba. Dende este falso techo podía mirar o que sucedía na habitación contigua e un día veu como o seu fillo caeu e non paraba de chorar. Como ninguén o atendía baixou e o colocou nunha zona máis visible da casa onde a sua muller foi quen de atendelo, poren choraba de fame, pouco se podía facer para calmalo. O curioso é que o rapaz o lembra perfetamente, el foi quen lle contou a historia a miña nai, e viviu pensando que fora salvado por un anxo, ata que lle comentaron a verdade cando xa tiña un maior uso de conciencia. A súa irmá supo a verdade dende un principio é por iso foi condeada a pasar fame na casa da súa avoa, para que non se fose da lingua nas continuas entrevistas dos falanxistas. O outro día escoitaba que no Estado debe haber unha  guerra civil para que os herdeiros do franquismo abandonen o poder.  Doeume a conciencia, pois a guerra é o que mencionei nas anteriores liñas, unha guerra civil é fame e odio eterno entre as xentes. O que con armas se consigue con armas se defende, e por regra xeral as armas rematan por ser máis poderosas que o defendido. Ademáis, estes malnacidos deixarían de ser tan "patriotas" para abandonar o Estado coma as ratas, nin sequera se remataría co mal. Volverían despois para aproveitarse das cinzas dos cadáveres, como fan sempre. Nunca deron a cara nin diante da xustiza, nin diante do povo. Pero no caso dunha guerra que gañara o bando popular, este non faría o mesmo? Debemos unirnos coma sociedade e non coma bandos, onde a ación individual pese na colectiva e non ao revés, cansados estamos de que as decisións doutros afecten as nosas porque non xogamos nun clima de igualdade.  A partir de ahí tomemos decisións, mais para iso debemos deixar de vendernos polas migallas e estar orgullosos do que temos por ser consecuencia do noso esforzo, e non pola calidade das nosas pertenzas. A humildade do povo tumbará calquer sistema, as guerras por regra xeral non benefician a cidadanía, senon as clases altas e a unha industria armamentística do máis ruín e avariciosa.
0 notes
cousi-as-blog · 11 years
Text
que me tumbas, que me matas
Era utópico pensar que a chuva deixaría de caer para que voltaramos a casa, polo que decidimos marchar a pesar da molladura que nos agardaba. Apenas pasaran cinco minutos cando xa non quedaba ningunha parte do corpo seca. Non tiñamos frío, a inxesta da bebida máis espiritual do país non soamente nos puxera colorados, fixera moito máis. O corpo pedía silenciosamente auxilio mais a cabeza non estaba para ser prudente, así que toda esa timidez que nos separaba comezou a facerse pequena. O amencer me pillou ollando trens pola fiestra. Eu, que sempre me autoprometo non beber mais esa pequena morte embotellada e sempre remato caendo na trampa, esta vez notei unha diferencia. Eu vencín unha batalla ao licor café. A guerra continua.
1 note · View note
cousi-as-blog · 11 years
Text
Patriarcado oculto
Lendo un pouco acerca da estrutura social galega chamoume a atención a case unánime aceptación de que somos unha sociedade matriarcal, mais eu penso que non é certo. Se isto fose certo, os valores machistas non estarían presentes na nosa realidade social. E abofé que están. Poñendo un par de exemplos, pensade nos diferentes roles laborales que ocupan home e muller, ou a retribución salarial polo mesmo traballo. Cantos homes vistes limpando un portal? Xa por non falar do prototipo home-ligón (socialmente aceptado) e do de muller-ligona ( promiscua, puta...). A música popular do país é un gran indicador desta cultura dominante. A muller galega asume o rol do home como muller, o que lle fai coller peso na familia e na casa, o problema esta en que non o asume por ser muller senon pola ausencia deste (mar, emigración...), polo tanto tende a reproducir os valores que dictamina a sociedade, sendo ela unha especie de esclava do sistema clave para a transmisión deste machismo xeración tras xeración. Con isto non quero dicir que a muller sexa machista senon que inconscientemente transmite esa información as crianzas, lembremos a educación que recibiron as mulleres durante o século XX baseada en tarefas do fogar e complacer ao home. "Ti ponte mona para ir a festa que van os homes". E pensemos se os homes reciben o mesmo trato que as mulleres no fogar. Todo isto me leva a contradecir esta corriente socioloxíca superpogre que defende o matriarcado galego en oposición ao patriarcado estatal. Os valores machistas perviven, e iso é porque a muller non ten o poder necesario para contradecir esta tendencia, por moito "poder delegado" que teña.
2 notes · View notes
cousi-as-blog · 12 years
Quote
Liberdade
Ser escravo ou ser libre non é algo que veña marcado por lei nin por xenética. Ser escravo é moi cómodo, simplemente tes que saber a quen obedecer para non meterte en problemas sen pensar que o que fas pode estar ben ou mal. Sempre te quedará dicir que un fixo o que lle mandaron, polo tanto a culpa non é túa.
Ser libre, en cambio, implica facerte responsable dos teus actos, tanto cando sexan positivos coma negativos, e pagar as consecuencias dos mesmos. A liberdade non é un dereito, para nada, a liberdade é unha conquista individual no día a día. Un pode ser libre dentro da escravitude, outra cousa e que lle saia rentable. O ser humano nunca foi tonto.
3 notes · View notes
cousi-as-blog · 12 years
Text
Terra mártir.
Marchou ás presas, tanto que deixou todo atrás. Unha muller agardando o segundo fillo e unha rapaciña de 3 anos. Abandonaba o paraíso, onde tiña coincidido cun médico de Rianxo, que dicía que non exercía como tal polo amor que sentía pola humanidade. Subiu o barco unha tarde de maio, acompañado de cinco compañeros, tres dos cales se deixaron levar polo ruído das escopetas antes de pasar a illa de Tambo. Conta a lenda que cando a marea os devolveu tiñan o puño erguido.
Volveu en canto puido, despois de 30 anos en Francia, para morrer nada máis chegar. Non morreu de saudade non, morreu de realidade. Os seus fillos estaban no outro bando, e non coñecían a súa nai. Foron criados por asasinos lle comentou o parroco cando foi preguntar que pasara.
-E a miña muller, señor cura?
-Morreu afogada segundo a versión oficial.
Sabía que non era certa a versión oficial, a súa muller era mariscadora e coñecía demasiado ben a praia como para ser vítima dela. Co rostro pálido achegouse a praia e mirou a mesma vista que teño eu diante mentres escribo isto: fume e cemento. Desolado colleu unha escopeta coma a que matara aos seus compañeiros, pechou o puño e as ondas fixeron o resto.
0 notes
cousi-as-blog · 12 years
Text
Vila mariñeira.
Cando Mauricio avisa non hai volta atrás, o seu canto avisa das primeiras raiolas que baten contra os ollos a golpe de martelo. A luz avanza pola ladeira da montaña paseniño, coma sen presa. Din os vellos que hipnotizada polo canto dos paxaros, con ese romanticismo que eles gardan e coa seguridade dunha vida andada. O reloxo marca as 7 cando Daniel comeza a correr cara o peirao a recibir ao seu pai tras unha longa tempada no mar. Ao chegar fica abraiado vendo os derradeiros intentos de supervivencia dos peixes máis grandes, mentres súa nai, a cal non todos os días tiña ese sorriso, dalle unha forte aperta, mentres desexa que Daniel marche para escola para poder pasar un tempo co seu marido. 
0 notes
cousi-as-blog · 12 years
Text
Como a vida mesma.
-Oes meu? ao final tiñan razón os hippies eses de que a felicidade está no aire, so hai que agardar que caia algo.
-Non entendiche nada. Son as pombas felices cando dependen de nós para comer? 
-Pois parece que sí.
-Porque senon non comen, amigo. Ningún escravo esta triste diante do prato de comida. Mais pola noite...
-Que pasa pola noite?
-Pola noite ten tempo para cavilar e dase conta da farsa na que se converteu a súa vida.
-Manda carallo, pois que poña a televisión coma facemos todos.
0 notes
cousi-as-blog · 12 years
Text
Forza
Coma aos porcos en San Martiño
das nosas casas nos botan
como  trompos, ao camiño
coma esclavos nos explotan.
Resiste miña nai, resiste
xa o saben todos na parroquia
cando veñan os da banca
romperemoslle a cachola.
Probe de quen os defenda
nesta terra somos bravos
se co fouciño non chega
probaremos co arado.
Como marchan os malditos
nin a policía nos para
avisa miña nai da seguinte
que os recibimos a pedradas.
0 notes