Bitácora dedicada á banda deseñada, a historieta, os cómic, os tebeos... de Galicia e resto do mundo
Don't wanna be here? Send us removal request.
Text
Fantasía e ciencia ficción con sabor a fanzine
A medida que se achega o verán, os fanzineiros poñen as máquinas a funcionar para poderen presentar os seus traballos en eventos de autoedición estivais como o Autobán da Coruña ou No Tengo Mamá de Vigo, ademais de aproveitar sinerxias con festivais coma Viñetas dende o Atlántico. De entre a variada oferta de fanzines aparecidos nestas datas destacamos tres que teñen en común a súa ambientación fantástica ou futurista, aos que engadimos un número especial dunha coñecida revista estranxeira en cuxas páxinas atopamos o novo traballo dun dos máis sólidos valores da nova banda deseñada galega.
Altar Mutante #7

Cuberta do Altar Mutante nº7 por Jagoba Lekuona
Un dos clásicos do panorama galaico da autoedición dos últimos anos é Altar Mutante, revista consagrada ao “horror putrefacto e ciencia ficción graxenta” que dirixen Luis Sendón e Álvaro López e que acada xa o seu sétimo número. Fiel ás premisas sentadas nas primeiras achegas, a cabeceira acolle os traballos dos autores habituais (Sendón e López, Cráneo, Benlloch...) ao tempo que incorpora colaboradores ocasionais (Dani Xove, Jagoba Lekuona, Gairah Love...). Cada un deles asume o espírito que inspira a publicación dende as súas propias coordenadas creativas, dándolle forma de ciencia ficción hiperviolenta, fábula perversa, terror urbano, espada e bruxería ou humor macabro. O menú é máis variado do que podería parecer, sendo os mellores petiscos aqueles que provocan unha certa ansiedade pola súa inevitable brevidade. Por destacar algúns: a colaboración de Kike J. Díaz amosa o indiscutible progreso dun autor que debutou hai cinco anos co ambicioso Nordés e que leva tempo afinando un estilo máis próximo ao cartoon; Kike Benlloch e Diego Blanco ofrecen un relato de contornos ásperos que resulta interesante pola súa proximidade, talvez casual, ás claves literarias de Hawthorne ou Borges; e finalmente, Debelius atopa a mestura exacta de humor e gore nun capítulo que recunca no espírito das súas achegas nos números anteriores. O debuxante coruñés está chamado a cumprir nun futuro inmediato coas grandes expectativas que os seus traballos recentes están a xerar.
Amair #1

Deseños preliminares do personaxe de Amair por Luis Sendón
Un que este ano se amosa especialmente prolífico é Kike Benlloch. Ademais de colaborar en Altar Mutante presenta dous cómics autoeditados, Amair e Legado, ambos en formato grampa (é cando menos un paradoxo que a grampa, que perdeu hai tempo a súa preponderancia dentro do cómic comercial, estea a ser recuperada dende o ámbito da autoedición) e primeiros capítulos de senllas sagas que continuarán en futuras achegas. Amair desenvólvese nun escenario fantástico semellante ao que o propio Benlloch creara para Cuimhne e a súa secuela, Cuimhne: La deuda, aínda que o ton poético que presidía aqueles dous relatos (especialmente o segundo) é substituído aquí por un alento épico que o fai abalar decididamente cara o xénero de aventuras. A fantasía guerreira é un terreo no que o debuxante Luis Sendón sabe desenvolverse con soltura, sendo a ambientación, a creación de paisaxes e a definición visual dos protagonistas, onde o seu traballo brilla máis. Moi suxestivo cando a narración avanza de forma pausada, as súas páxinas reséntense nos lances de acción, onde o seu característico trazo groso tende a recargar excesivamente as viñetas. Este primeiro capítulo esgótase na presentación da premisa argumental, na que uns deuses escuros utilizan a dúas tribos rivais para enfrontárense entre si. O personaxe de Amair, chamada a ser a protagonista do relato, ten unha participación menor que supoñemos que aumentará en futuras achegas.
Legado #1

Detalle da capa de Legado por Xulia Pisón
Pola súa banda, Legado transpórtanos a un escenario de ciencia ficción clásica no que se escenifica a confrontación entre o individuo e as grandes estruturas de poder. Xulia Pisón, que xa amosara a súa querenza polas paisaxes futuristas en ∞-1, segue a medrar como artista a medida que asume retos cada vez máis ambiciosos. A pluralidade de personaxes protagonistas deste cómic, a súa estrutura non lineal e o ritmo cambiante ofrécenlle a ocasión para despregar toda unha serie de recursos narrativos e de caracterización que probablemente non tivera oportunidade de ensaiar ata o de agora, cun balance claramente positivo. A historia desenvólvese en dúas partes, polo que o final deste primeiro capítulo deixa todas as portas abertas. Agardemos que o segundo e derradeiro non se demore demasiado, e non só para que non esvaeza o interese da trama, tamén para manter a unidade de estilo. Unha artista en crecemento como Pisón pode evolucionar moito nuns poucos meses.
Judge Death: Darkness descends

Viñetas de Xulia Vicente para Judge Death: Darkness descends
Malia non tratarse dun fanzine, non resulta forzado mencionar aquí o novo cómic de Xulia Vicente. En primeiro lugar, porque a debuxante non está desvinculada da escena da autoedición da que formou parte activa durante os últimos anos; e, en segundo lugar, pola afinidade temática dos cómics que acabamos de mencionar co seu traballo máis recente, unha colaboración coa lendaria revista británica 2000 AD. O magazine inglés de ciencia ficción por excelencia ten cambiado moito entre os anos 80 e a actualidade. Aínda que moitos dos personaxes seguen a ser os mesmos (os Xuíces Dredd e Anderson, Rogue Trooper, Tharg...) o enfoque ten mudado de maneira irremediable. A contratación de Vicente, debuxante de estilo riquiño, abonda para corroboralo, máis se consideramos que a súa colaboración ten como protagonista o sinistro Xuíz Morte, un secundario habitual nas aventuras do Xuíz Dredd que acadou o seu pico de popularidade nos lapis de Brian Bolland. A versión da galega pouco ten que ver coa dureza hiperrealista do debuxante inglés. O seu relato, escrito por unha das guionistas habituais da cabeceira, Leah Moore, entrecruza o camiño do Xuíz zombie cun grupo feminino de música punk, dándolle á trama unha ancoraxe cotiá que facilita o encaixe da debuxante. Agradécese o necesario cambio de rexistro dunha Vicente cuxos traballos máis recentes (Ari, cazador de dragones, Duerme pueblo) transcorrían en escenarios menos sinistros. Tamén se agradece o contraste de ler, neste mesmo exemplar, unha aventura do Xuíz Dredd ou un capítulo do clásico serial Future Shocks debuxados por artistas de claves creativas tan distantes coma Babs Tarr e Tillie Walden respectivamente.
#Altar Mutante#Amair#Legado#Judge Death#2000 AD#Kike Benlloch#Luis Sendón#Xulia Pisón#Xulia Vicente#Leah Moore
1 note
·
View note
Text
Xira galega de Mamen Moreu

Detalle da cuberta de Desastre de Mamen Moreu.
A debuxante Mamen Moreu presentará nestes días o seu novo traballo Desastre en varias cidades galegas. O Xoves 3 de Maio ás 18:30 estará na libraría banda Deseñada de Vigo, o Venres 4 na Libraría Paz de Pontevedra ás 19:30 e o Sábado 5 terá sesión dobre na Coruña, ás 12:30 na libraría Alita Cómics e ás 22:30 en La Salita de Juegos.
En Desastre, Mamen Moreu segue a dar a sua visión desmitificadora e divertida do que supón ser unha muller no século XXI. Berta, a protagonista de Desastre, é unha muller normal e real, afastada das visións idealizadas da ficción. Ás veces é mesquiña e egoísta, outras alegre e positiva; vai ao baño, pode sentir fame e desexo sexual, é contraditoria e algo neurótica. Pero sobre todo é próxima, crible e real. Pero debaixo da historia de humor e ruptura hai unha forte crítica ao rol que a machista sociedade actual impón ás mulleres de máis de trinta anos, mentres aproveita para rir de modas recentes de dubidosa utilidade como o coaching e os libros de auto-axuda.
Mamen Moreu (Huesca, 1985). Estuda Bacharelato artístico na Escola de Artes de Huesca, e dous anos de Art Gràfic na Escola de Còmic Joso de Barcelona. En maio de 2009 incorpórase de forma semi-regular á revista El Jueves, Tamén participou habitualmente no webcómic satírico El Estafador e, tamén para internet, realizou historietas para o blogue colectivo Caniculadas. En 2013 comeza a publicar no fanzine TMEO, coa serie Claudia Foreveryoung. En 2014 publica con Astiberri a súa primeira novela gráfica, Resaca, coa que estivo nomeada ao premio ao autor revelación no Salón do Cómic de Barcelona de 2015, así como a mellor obra, mellor guión e mellor debuxo nos IV Premios do Cómic Aragonés concedidos en 2014. Desastre (2018) é a súa segunda obra longa, aínda que desde 2014 colaborou en varios álbums colectivos xunto a outras autoras do panorama nacional e internacional, entre eles Institutos (Astiberri, 2014). Compaxina o seu traballo de guionista e debuxante de cómics con outros traballos de ilustración, imparte charlas sobre cómic e dá talleres de debuxo para infantes e adultos.
0 notes
Text
David Rubín presentará “Cuaderno de tormentas” na Coruña

Detalle da nova cuberta de Cuaderno de tormentas.
A tenda Alita Cómics da Coruña (Rúa Orzán 94) acollerá este sábado 24 de Marzo a partir das 19.00 horas a presentación do novo comic de David Rubin, unha nova edición remasterizada do seu clásico de 2008 Cuaderno de Tormentas.
Cuaderno de Tormentas é unha metáfora sobre a procura da inspiración e o tortuoso camiño que supón o proceso de creación, ademais dunha viaxe pola terrible Cidade Espanto. A presente edición ampliada —tras unha inicial publicada por Planeta en 2008, hai tempo esgotada—, conta cunha ilustración de cuberta realizada para a ocasión por David Rubín, unha nova rotulación e 21 páxinas de extras. Esas páxinas que complementan o cómic inclúen varias entregas que foron a xénese de Cuaderno de Tormentas, tal e como o explica o propio autor: “En 2006, unha promotora musical encargoume que realizase unha sección de cómic para o seu portal de internet, e aterrou na miña cabeza a idea de Cidade Espanto —lugar que timidamente se mencionou con anterioridade nun dos episodios que compoñen a miña primeira obra, El circo del desaliento— co plan de conformar un mapa e un censo máis ou menos estruturado desta cidade que habitaba na miña cabeza e dos seus habitantes”.
Nos extras, Rubín inclúe ademais Los fantasmas del bosque, unha historieta curta publicada na revista Dos Veces Breve, que decidiu rescatar porque “ademais de que o aspecto do protagonista do relato é sen dúbida un precedente do narrador que deambula por Cuaderno de Tormentas, a súa estrutura formal e o feito de axuntar nas mesmas páxinas modos de relato ilustrado con técnicas cento por cento de cómic déronme a clave para poder enfocar a posteriori o modo de abordar e construír estilística e narrativamente este libro”. Pecha o apartado de engadidos unha galería dos procesos creativos escondidos tras a portada da antiga edición da obra.
David Rubín (Ourense, 1977). Estuda deseño gráfico e lánzase ao mundo do cómic, a animación e a ilustración. Coa súa primeira obra longa, El circo del desaliento (Astiberri, 2005), é nomeado como autor revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona de 2006, gaña o primeiro premio Castelao, e edítase en galego, castelán, italiano e francés. A súa seguinte novela gráfica, La tetería del oso malayo (Astiberri, 2006), tamén publicada en Francia, Italia e a República Checa, leva catro nomeamentos aos premios do Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2007, logra o galardón ao autor revelación e acredítalle como finalista do I Premio Nacional do Cómic.
Posteriormente Cuaderno de tormentas (Planeta, 2008) é nomeado ao mellor debuxo de novo na cita de Barcelona. Co-dirixe El espíritu del bosque, unha longametraxe de animación CGI, e adapta ao cómic Romeo y Julieta (SM, 2008), de William Shakespeare, e El monte de las ánimas (SM, 2009), de Gustavo Adolfo Bécquer. Ilustra a colección de relatos Solomon Kane (Astiberri, 2010), de Robert E. Howard, e mergúllase na actualización en cómic do mito de Heracles cos dous tomos de El héroe (Astiberri, 2011 e 2012).
Os seus últimos traballos son unha adaptación do poema épico Beowulf (Astiberri, 2013), en colaboración con Santiago García, dúas spin-offs de Battling Boy de Paul Pope, centrados no personaxe de Aurora West, dos que se publicaron en España ambos os tomos: El momento de Aurora West e La caída de la casa West (Debolsillo, 2014 e 2015), así como La Ficción, xunto co guionista Curt Pires (Astiberri, 2015), e Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas, realizado con Miguelanxo Prado (coedición de Astiberri e Acción Cultural Española, 2015).
Realiza xunto a Marcos Prior a novela gráfica Gran Hotel Abismo (Astiberri, 2016) á vez que traballa en Ether (Astiberri, 2017), a súa terceira incursión no mercado do cómic americano, xunto a Matt Kindt. Tras traballar nun episodio de Black Hammer, con guión de Jeff Lemire, que verá a luz en Astiberri o 15 de marzo de 2018, na actualidade está a debuxar o tomo 2 de Ether, xunto a Matt Kindt, e a serie Rumble (que Astiberri comezará a editar en xullo de 2018), con guión de John Arcudi, na que o autor galego recolle a testemuña de James Harren, encargado de debuxar os tres primeiros tomos.
1 note
·
View note
Text
Altar Mutante, candidato a mellor fanzine no Saló de Barcelona

Imaxe de Debelius para Altar Mutante nº6
Vén de facerse pública a listaxe de candidatos aos premios que cada ano concede o Salón do Cómic de Barcelona e entre eles atopamos unha candidatura galega. Trátase de Altar Mutante, a revista de ciencia ficción e terror mórbido que dirixen Álvaro López e Luis Sendón e que opta ao premio ao mellor fanzine do ano. A publicación acadou o pasado verán o seu sexto número e polas súas páxinas teñen pasado autores como Manel Cráneo, Kike Benlloch, Xulia Pisón, Diego Blanco, Virginia Las Percas, Pedro Villarejo, Debelius ou Don Rogelio entre outros moitos. Os gañadores coñeceranse o vindeiro 13 de abril.
0 notes
Text
Presentación na Coruña do libro BDG70: A revolta do cómic galego

Alita Cómics acollerá este venres 15 de Decembro na tenda do Orzán, 94 (A Coruña) a partir das 19.30 horas a presentación do catálogo da exposición BDG70: A revolta do cómic galego, para o que contará coa presenza de Manel Cráneo, director da exposición, Xulio Carballo, comisario da mesma, e Luís Caparrós, coordinador de programación da Sala NORMAL
Entre o 17 de Novembro e o 31 de Xaneiro, a Sala NORMAL, dependente da Universidade da Coruña, acolleu a exposición BDG70: A revolta do cómic galego. Esta mostra naceu como resultado da investigación realizada en 2015 por Xulio Carballo para a súa tese doutoral sobre o cómic galego, e amosaba traballos de 27 autores como Antón e Raimundo Patiño, Fran Jaraba, Isaac Díaz Pardo, Miguelanxo Prado, Oitabén, Pepe Barro, Pepe Carreiro, Xan López Domínguez, Xaquín Marín, Xesús Chichi Campos, Xosé Díaz ou Xosé Lois O Carrabouxo.
Presentábanse nesta mostra as obras e documentos máis importantes e característicos do nacemento contemporáneo do cómic galego, a través do que se conxugou a denuncia social por medio dunha linguaxe nova, de carácter transgresor e onde terían moita importancia as representacións dunha Galicia distópica enmarcada dentro da ficción científica, así como o seu achegamento aos medios de comunicación como periódicos ou revistas.
Asimesmo abordáronse varios elementos como as relacións destes creadores coas vangardas, as diferentes iniciativas expositivas pioneiras que se deron na época arredor da novena arte, os traballos orientados ao público infantil e xuvenil, a pegada da ciencia ficción ou o papel dos colectivos nun panorama efervescente que sentou as bases para o posterior desenvolvemento da BD en Galicia, destacando a gran cantidade de artistas que, aínda en período ditatorial, canalizaron o seu pensamento antiautoritario e artístico a través dun medio aínda marxinal, o cómic, e dunha lingua pretendidamente marxinalizada neses anos como era o galego.
O volume, editado pola Universidade da Coruña coa colaboración de Demo Editorial, recolle a catalogación das pranchas da exposición, e supón o froito último do proxecto expositivo. A sección do catálogo reúne en seccións temáticas cun breve texto introdutorio os materiais gráficos e tridimensionais da exposición, acompañado dunha reportaxe fotográfica co proceso de ideación e montaxe da exhibición, así como colaboracións escritas inéditas de varios actores daqueles anos, que achegan o seu punto de vista e experiencia.
0 notes
Text
Mulleres que só fan o que elas queren

A nai de Austin Wiggin Jr, pitonisa amateur, prediciulle un día ao seu primoxénito que as súas fillas se converterían en estrelas do rock. Austin decidiu botarlle unha man ao destino dispoñéndoo todo para que a profecía se cumprise. Mercoulle instrumentos ás súas fillas, sacounas da escola, recluíunas na súa casa, estableceu un rigoroso réxime de ensaios, contratoulles concertos e mesmo sufragou a gravación dun disco. Todo con escaso éxito. A morte do pai trouxo o final da carreira musical do grupo e tamén unha liberación para as súas compoñentes, que abandonaron os instrumentos e renunciaron a aquel soño imposto de éxito e fama. A cambio gañaron unha vida. O xiro irónico chega en 1980, cando a reedición do seu único disco remata por convertelas nun grupo de culto, reivindicado por críticos coma Lester Bangs ou músicos coma Frank Zappa e Kurt Cobain. Os amantes da aventura poden rastrexar as cancións de The Shaggs en YouTube e abrirse así a un universo musical tan hermético coma irrepetible.
Como todas as microbiografías recollidas por Pénélope Bagieu en Valerosas 2 (Dibbuks, 2017), a historia das irmás Wiggin é ante todo un engado, unha pequena pílula concibida para aguilloar a curiosidade do lector e convidalo a seguir investigando. Mais a conclusión natural do volume no seu conxunto, o seu sentido final, é ir aínda un paso máis aló e preguntármonos: por que é tan pouco coñecida a historia de The Shaggs? Por que o nome de Solita Alizadeh, rapeira afgá que sobreviviu para contar a estarrecedora situación das mulleres no seu país, é só unha referencia vaga na nosa memoria? Por que é tan pouco coñecida a faceta de inventora afeccionada (e atinada!) da actriz Hedy Lamarr? Por que porfiamos en vincular a Betty Davis con Miles Davis e obviamos a súa propia traxectoria artística? Por que Phoolan Devin non goza da mesma popularidade que outros guerrilleiros, bandoleiros e revolucionarios? Por que entre os nomes de astronautas que somos capaces de recitar de memoria non está o de Mae Jemison? Cada unha das mulleres valerosas que protagonizan este tomo ten a súa pregunta e a resposta, implícita na proposta de Bagieu, sabémola todos. A serie Valerosas combate un esquecemento e unha ignorancia que só inxenua ou cinicamente podemos considerar casuais, ao tempo que suxire modelos de rebeldía feminina a quen os precisa, moi especialmente a aqueles que insinúan que non existen.
Bagieu pon ao servizo desta causa un trazo afiado e moi expresivo, próximo á tradición humorística das revistas norteamericanas. Tamén a agudeza dun discurso que se constrúe a través da relación entre texto e imaxe, un diálogo no que o debuxo matiza e complementa o narrado, pero que tamén, en ocasións, ofrece un contraste do que abrolla o humor e a empatía cara os personaxes. Cada relato conclúe cun agasallo luminoso, unha dobre prancha que abraia pola súa beleza, mais tamén pola súa concisión narrativa. Ilustracións que non só decoran, tamén contan. Malia acollerse sen apenas variacións á fórmula que xa adoptara no volume precedente, os resultados non son peores, máis ben o contrario.
É certo que Bagieu verte sobre as mulleres que retrata unha ollada benévola, próxima á idealización, que se detén nas facetas máis univocamente positivas e sobrevoa as contradicións ou os aspectos máis discutibles da súa personalidade. Amabilidade excesiva? Máis ben militancia honesta, en ningún momento disimulada e perfectamente coherente coa vocación didáctica (e non falamos do ámbito académico) da obra. O santoral heterodoxo (herético?) exposto por Bagieu non pretende ser un compendio de ensaios biográficos que revelen a verdade profunda detrás das vidas das protagonistas, senón apenas unha chamada de atención. A autora sinala fíos dos que paga a pena tirar e deixa ao lector a decisión de facelo.
0 notes
Text
A volta de Norberto Fernández

Unha das sorpresas agradables que nos deixou o pasado verán foi o retorno de Norberto Fernández, a quen perdéramos a pista tras os seus traballos para o mercado norteamericano hai aproximadamente catro anos. Un cómic asinado por el, O báculo de Daghdha, foi distribuído no mes de xullo de forma gratuíta por varios xornais do País, tanto en papel coma en formato dixital, con versións en galego e portugués. Trátase dun título promovido polo Eixo Atlántico cando se cumpren 25 anos da súa constitución, un deses traballos por encomenda financiados por institucións públicas ou semipúblicas que teñen un aquel estraño, xa que non se sabe moi ben cal é o razoamento que está detrás da súa promoción nin o rendemento que se lles presume, pero que nos máis dos casos son un agasallo para os autores que os levan a cabo, e non só por seren un balón de osíxeno económico, senón tamén por contaren cunha distribución que dificilmente pode acadarse no circuíto convencional do cómic.
O báculo de Daghdha relata unha aventura da profesora universitaria Flavia Faulkner, que se verá obrigada a percorrer algunhas das vilas e cidades máis senlleiras do Eixo Atlántico, que forman parte tamén da ruta portuguesa do Camiño de Santiago, na procura dun trebello dotado de facultades extraordinarias, o báculo da divindade irlandesa Daghdha. Na súa busca ela e máis os seus compañeiros deberán recuperar diferentes pezas dun crebacabezas agochadas en lugares coma a Catedral de Coimbra, a Igrexa do Bom Jesús en Matosinhos, o Templo de Santa Luzia en Viana do Castelo, o Mosteiro de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos ou a propia Catedral de Santiago, mentres se enfrontan a unha sociedade secreta que tamén persegue o instrumento polos seus poderes máxicos. Arredor do periplo dos protagonistas polas principais vilas galegas e do Norte de Portugal constrúe Fernández unha aventura xuvenil na que, ademais das consabidas sorpresas e xiros de guión, non faltan chiscadas ao lector en forma de aparicións fugaces de personaxes famosos.

Nunha das primeiras páxinas do álbum Fernández deixa ver un exemplar de A marca marela, o que probablemente sexa o álbum máis célebre de As aventuras de Blake e Mortimer de E. P. Jacobs, unha pista que deixa clara o propósito do autor de situarse na tradición aventureira xuvenil da BD franco-belga. O rexistro formal adoptado por Fernández, que sen renunciar ao seu propio estilo abala decididamente cara a liña clara, e o propio formato da obra, un álbum ao xeito do mercado francófono, confirman esta declaración de intencións. Non deixa de ser rechamante esta opción, que noutro tempo encarnaría o formato máis típico do cómic xuvenil, pero que na actualidade semella xa anticuado. No caso galego, os primeiros 90 sinalaron o derradeiro grande auxe da BD francófona, aparecendo en galego cabeceiras coma Bieito Fendeferro, Xil Pupila, Franka, Os Centauriños ou mesmo Jerome K. Jerome Bloch, que viñan a sumarse aos dous clásicos por excelencia, Asterix e Tintin. Mais foi o canto do cisne, dende a caída daquelas liñas editoriais os proxectos semellantes non pasaron do anecdótico, abalando os intentos posteriores de ofrecer banda deseñada xuvenil en galego cara revistas como Golfiño, Galimatías ou máis recentemente Xabarín. De aí que resulte difícil sabermos se o autor se incorpora de novo a esta corrente cun sentido nostálxico, se se trata de tentear as posibilidades actuais dun produto destas características ou se simplemente, polo motivo que fose, o quixo así o promotor da iniciativa.
O báculo de Daghdha deixa claro que a versatilidade é unha das grandes virtudes do seu autor, que se amosa aquí capaz de achegarse á liña clara europea igual que adoptou un rexistro gráfico máis próximo ao cómic norteamericano cando traballou para aquel mercado. O clasicismo da súa proposta faina idónea para os nenos e nenas daqueles anos 90 nos que a BD franco-belga tiña un pequeno oco no noso mercado, pero resulta dubidoso que o sexa tamén para a rapazada que hoxe devora ficcións vertixinosas como Rick e Morty, Hora de Aventuras ou Steven Universe. Mais se hai algo que canga a proposta é unha presentación case publicitaria do patrimonio monumental das vilas do Eixo Atlántico que entorpece o decorrer dun relato que podería ter respirado de xeito máis natural sen esa peaxe. Unha mágoa, xa que a suma do elenco de personaxes deseñados por Fernández cos mesmos escenarios nos que transcorre a acción podería ter desembocado nunha agradable ficción aventureira de non ter que someterse a un desenvolvemento tan ríxido.
Eduardo Maroño
0 notes
Text
Fin de semana de presentacións en Galicia

Esta fin de semana distintas cidades galegas acollerán actos de presentación de cómics ou relacionados coa banda deseñada. O venres 20 ás 19:30 terá lugar en Alita Cómics (A Coruña) a presentación de La deuda, o novo traballo de Martín Romero, un relato agridoce protagonizado por un cómico con máis débedas económicas que talento. Segunda obra longa do seu autor tras Las fabulosas crónicas del ratón taciturno, este título chega despois da excelente acollida da súa recompilación de relatos curtos Los Episodios Lunares.
Tamén o venres ás 19:30 terá lugar na Libraría Paz de Pontevedra a presentación de Tattoo, título que Santiago Paredes vén de publicar con Demo Editorial, un relato desenfreado e suburbial na que o autor deixa constancia da súa querenza polo underground norteamericano. Paredes repetirá o sábado 21 ás 18:00 na libraría Banda Deseñada de Vigo.
Por último, o sábado ás 12:30 terá lugar na libraría Alita Cómics da Coruña a presentación do libro Wonder Woman. El feminismo como superpoder a cargo da súa autora, a xornalista Elisa McCausland. O ensaio revisa dende unha óptica feminista a figura dunha das superheroínas máis célebres e icónicas do cómic norteamericano, Wonder Woman, dende a súa creación nos anos 40 por parte do peculiar psicólogo William Moulton Marston ata a actualidade. O evento insírese no marco do FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña que está a celebrarse nestes días.
0 notes
Text
Emma Ríos presentará “Mirror, el Reflejo de la Montaña” na Coruña

Na profundidade do espazo, un asteroide. A pacífica existencia dos seus habitantes, os Gardiáns, vese interrompida pola chegada dunha nave espacial, a Eságila. Desde aquel momento crucial, a vida de todos, incluídos os tripulantes do navío, cambiará para sempre. Esta é a premisa da que parte Mirror, el Reflejo de la Montaña, o novo cómic de Emma Ríos, no que comparte autoría coa artista de Malasia Hwei Lim ao debuxo, e que está enmarcada nun universo que desenvolverá en próximas historias: o dos Alquimistas da Sincronía. A debuxante galega presentará este novo traballo en Alita Cómics (A Coruña) o próximo venres 6 de Outubro ás 19:00.
Identidade colectiva, liberdade de elección e aceptación son os piares sobre os que se asenta esta nova incursión no xénero fantástico de Emma Ríos, que amosa o amor que tanto ela como Hwei teñen ao manga dos setenta e oitenta, e que tenta romper cos arquetipos clásicos do xénero da “Space Opera” cunha visión persoal que nace directamente das súas experiencias máis persoais.
0 notes
Text
Presentacións de Paula Esteban e David Lafuente

Alita Cómics acollerá este venres 15 de Setembro na tenda do Orzán, 94 (A Coruña) a partir das 19.30 horas a presentación do novo cómic da coruñesa Paula Esteban, "Red Bricks"; un fanzine no que mestura costumismo, música e viaxes no tempo nun sorprendente cóctel, e que se suma á xa longa traxectoria desta nova, aínda que xa veterana autora. Paula Esteban Blanco (A Coruña 1991) finalizou os seus estudos de Deseño Gráfico en Bélxica, e logo os de Ilustración na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso. Ten participado nas exposicións do Colectivo Miñoco dos anos 2014 e 2015 e autoeditou os seus fanzines No te agarres la cabeza 1 e 2, e Las Aventuras de Frisby & Trisky, así como múltiples ilustracións por encargo. No ano 2016 editou Titiritas, e no presente ano 2017 contribuíu nos fanzines colectivos Finnegan’s #6, Sr. Juez, e na publicación de Amnistía Internacional Nai dos Desterrados, que tamén maquetou. Colabora tamén na antoloxía da editorial Demo Licor Café, e ademais saca tempo para autoeditar o fanzine Red Bricks, que guioniza e debuxa.
Pola súa banda, a libraría ourensá Sindicato del Cómic celebra o seu aniversario convidando ao debuxante asturiano David Lafuente, que verá expostas mostras do seu traballo e asinará exemplares dos seus cómics aos afeccionados que se acheguen á tenda. Nacido en Xixón en 1982, Lafuente comezou a prestar servizos en Marvel Comics en 2007, encadeando traballos para cabeceiras como Ultimate Spiderman, Patsy Walker: Hellcat, New Mutants ou All-New Doop. Máis recentemente, colaborou na serie The Adventures of Archer & Armstrong da editora Valiant Comics.
1 note
·
View note
Text
Chega o Autobán 2017

O festival coruñés de cómic autoeditado alcanza este agosto a súa sétima edición, despois de tres edicións de verán e outras tantas de inverno. Medio cento de creadoras e creadores inscritos porán á venda as súas novidades no encontro, que ademais contará con palestras, presentacións, edicións exclusivas, mostras e o célebre Combate de Debuxantes.
É a festa dos autores e autoras de banda deseñada que publican os seus propios traballos. Nos últimos anos o Autobán situouse como un punto de referencia inescusable na Península Ibérica para os amantes dos fanzines, do cómic independente e das novas xeracións de creadores. Este ano contarase con nomes habituais no panorama galego, tanto mozos como sinaturas consagradas, aos que se sumarán promotores de proxectos autoeditados desde Portugal, Castela e Levante.
Autobán 2017 transcorre o venres 11 e o sábado 12 de agosto en dúas localizacións distintas. O primeiro día na Nave 1839, na coruñesa estación de ferrocarrís de San Cristobo, e o sábado en catro locais próximos entre si da céntrica rúa do Orzán. Todas as actividades son de asistencia gratuíta.
O programa de actividades ábrese cunha partida de brilé entre os participantes e inclúe a Feira de fanzines, minipresentacións dos traballos á venda e o célebre Combate de Debuxantes. Ademais, celebraranse tres mesas redondas, a primeira sobre o panorama de autoedición a nivel estatal, a segunda será unha revista de actualidade e a terceira ocuparase das novas olladas feministas no eido da BD. Entre os participantes: fanzineiros, editores, xornalistas, divulgadores e profesionais da banda deseñada como Emma Ríos, Xulia Vicente ou Natacha Bustos. O programa completo pode consultarse na web do Autobán.
0 notes
Text
Cómic galego en Viñetas desde o Atlántico 2017
A Coruña acollerá entre o 7 e o 13 de agosto unha nova edición do Festival de Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico, que este ano contará coa presenza de primeiras figuras do cómic coma Dave McKean, Nob, Natacha Bustos, Cameron Stewart, Rayco Pulido, Kiko Da Silva, Eduardo Risso, Julie Rocheleau, Pablo Auladell, Ralph Meyer, Javi Rey e Enrique Sánchez Abulí. Ademais das charlas, sinaturas e exposicións dos autores e autoras convidados, a Rúa da BD encherase de librarías e nela terán lugar tamén presentacións e actividades diversas. A web do Festival ofrece unha información completa do programa da mesma. Para aqueles visitantes que queiran aproveitar a fita para mercar BD galega, velaí vai unha pequena escolma de novidades e títulos recentes.

Detalle da cuberta de Licor café de Jorge Peral
Licor café de Varios Autores (Demo Editorial). A editora que dirixe Manel Cráneo presenta unha nova colección, BDG13, cuxo primeiro lanzamento é este Licor Café, unha antoloxía de relatos breves que reúne a algunhas das voces novas máis prometedoras da BD galega: Xulia Vicente, Luis Yang, Uxía Larrosa, Xulia Pisón, Kike J. Díaz, Christian Fojón, Paula Esteban, Santiago Paredes, Debelius, Inés Vázquez, Dani Xove, Gaudino e Mateo Alvarellos. Cuberta de Jorge Peral.
Altar Mutante nº 6 de Varios Autores (Altar Mutante). Sexto número da revista consagrada ao terror mórbido e a fantasía graxenta na que participan clásicos contemporáneos da banda deseñada galega coma Álvaro López, Luis Sendón, Manel Cráneo, Kike Benlloch ou Hugo Covelo xunto con novos valores coma Virginia Las Percas, Debelius ou Silvia Blackened.
Trackers. A arma perdida dos deuses de David Muñoz e Tirso Cons (3 Pintamonas). Relato ambientado no século XVIII no que un grupo de exploradores británicos poñen rumbo ao Iucatán na procura dunha criatura lendaria do pobo maia, “o Cancerbeiro dos Deuses”. Misterio e aventura na mellor tradición da BD franco-belga a cargo do equipo creativo de A mansión dos murmurios.

Detalle da cuberta de Altar Mutante nº6 por Roque Romero
Tattoo de Santiago Paredes (Demo Editorial). Animais atropomórficos, rock’n’roll e psicodelia, amor rebelde con sabor undeground no primeiro cómic en solitario do tudense Santiago Paredes, que hai un ano debuxara Furious Monkey House. Corre, mono, corre con guión de Rodrigo Cota.
A alquitara de Troubs (Figurandorecuerdo(s)). Diario elaborado polo debuxante francés Jean-Marc Troubet “Troubs” tras acompañar a un augardenteiro por tres departamentos do centro de Francia. Testemuño dun oficio en vías de extinción polo autor de Muuh! No prado das vacas.
Door de Antonio Martínez Ron e David Cuence (3 Pintamonas). Relato de misterio e ciencia ficción que supón o debut na banda deseñada do divulgador científico Antonio Martínez Ron, acompañado polo debuxante David Cuence.

Detalle da cuberta de Trackers. A arma peerdida dos deuses de Tirso Cons
Astro-Rato e Lampadiña de Fermín Solís (El Patito Editorial). O pequeno Astro-Rato busca o camiño de volta cara a Terra despois de perderse no espazo. Banda deseñada para cativos en formato de luxo a cargo do cacereño Fermín Solís.
O picoto do pai de Varios Autores (Retranca Editora). A colección Cornelius, na que os estudantes do Garaxe Hermético que dirixe Kiko Da Silva publican os seus traballos de final de curso, acada o seu quinto número con O picoto do pai, un relato ambientado no século XIX, nunha pequena aldea da raia entre Galicia e Portugal. Aínda que o volume completo non verá a luz ata outono, Retranca Editora distribuirá un adianto gratuíto na Feira coruñesa.
Fóra de mapa de Emilio Fonseca (Deputación da Coruña). Relato de intriga ambientado na Venecia renacentista que lle mereceu a Emilio Fonseca o Premio Castelao de Banda Deseñada 2016. Misterio, aventura e un atinado retrato de época na ópera prima deste autor ourensán.
0 notes
Text
Xira galega de Luis Bustos

O debuxante madrileño Luis Bustos estará esta semana en Galicia presentando o seu novo traballo Puertadeluz (Astiberri). O vindeiro mércores 14 de xuño visitará a libraría Metrópolis Cómics na Coruña (19:00h), o xoves 15 estará en A Gata Tola de Santiago (18:30h) e o venres 16 achegarase ata Banda Deseñada en Vigo (18:00h).
Bustos debutou en 1996 con Rayos y centellas (Camaleón Ediciones), xunto co guionista David Muñoz. Máis adiante asinaría Endurance (Planeta DeAgostini, 2009), sobre a expedición antártica de Ernest Shackleton; o cómic xuvenil Zorgo (Dibbuks, 2012); Versus (Entrecómics Cómics, 2014), adaptación libre do relato de Jack London Por un bistec; ou ¡García! (Astiberri, 2015 e 2016), novela gráfica en dúas partes escrita por Santiago García. Ademais, ten colaborado coas revistas El Jueves e Orgullo y Satisfacción. Puertadeluz preséntase como un thriller futurista que reflicte un modelo sociopolítico en crise, no que se perciben referencias tanto a J. G. Ballard como á película Só ante o perigo.
0 notes
Text
As orixes da BD galega segundo Xulio Carballo
Coñecida a excelente saúde creativa do cómic en Galicia, resulta inexplicable que a estas alturas non exista aínda unha Historia da banda deseñada galega que por amplitude de rango e profundidade mereza tal nome. Ten habido intentos loables dende ámbitos diversos, moitos deles atinados e rigorosos, case todos xurdidos do voluntarismo e da paixón polo medio dos seus artífices, pero nos máis dos casos sen a vocación de globalidade que debe presidir calquera Historia que pretenda ser tal. É por iso que cómpre celebrar a aparición no eido da investigación universitaria dun traballo como a tese de doutoramento de Xulio Carballo, presentada no verán do 2015 e que leva por título Para unha Historia da Banda Deseñada Galega: a narración a través da linguaxe gráfico-textual. A investigación de Carballo ocúpase das orixes da banda deseñada galega nos anos 70 do século pasado e, polo tanto, non estamos ante unha Historia de seu, senón máis ben ante un necesario primeiro capítulo, extenso e pormenorizado, que deixa cartografado con todo detalle e rigor científico o período no que o cómic galego xorde como tal. Carballo achégase aos primeiros cómics publicados en galego, facendo unha análise polo miúdo dos seus contidos, analizando os propósitos dos seus creadores e deixando constancia da recepción que se lles deparou no momento.
A tese de Carballo demostra a especificidade do caso galego no que á orixe da súa banda deseñada atinxe. É sabido que o cómic xorde historicamente vinculado ao papel impreso e máis concretamente á prensa escrita. O caso norteamericano, probablemente o máis estudado, sitúa as orixes do cómic nas viñetas e tiras humorísticas que aparecían nos xornais e que despois darían lugar a publicacións específicas. Nos países europeos do noso contorno seguíronse procesos semellantes, sendo a propia influenza norteamericana un factor a ter en conta. Sen embargo, o caso galego presenta un elemento diferencial obvio, o dunha lingua que foi radicalmente excluída da prensa e demais produción impresa durante os primeiros anos do Franquismo, coincidindo co momento no que o cómic estaba a consolidarse en toda Europa como o que sería un dos entretementos de máis populares da parte central do século XX. A finais dos anos 40 comezaron a tolerarse con displicencia as primeiras manifestacións culturais en galego, sempre baixo sospeita e ferreamente vixiadas dende o poder político, e nos anos 50 chegaría o primeiro grande proxecto de recuperación da lingua galega como vehículo de cultura, construído arredor da editorial Galaxia, centrado na produción literaria prestixiada socialmente e sen tomar en consideración en absoluto un medio popular e de feito limitado ao público infantil como era a banda deseñada naquela altura. Nin sequera a ascendente sobre o galeguismo da época dunha figura coma a de Castelao, que cultivou decididamente eidos artísticos adxacentes ao do cómic, supuxo algún matiz a esta desatención. De aí que, pese a existiren antecedentes, a banda deseñada galega non xurda como tal ata a década dos 70 do pasado século, unha aparición serodia en termos comparativos co noso contorno e que se produce ademais nun contexto político convulso, os últimos anos do Franquismo e a posterior Transición. Un contexto que, lonxe de resultar irrelevante, determinará decisivamente o traballo dos pioneiros do cómic galego.

O home que falaba vegliota de Reimundo Patiño
Carballo recolle e confirma un feito que tiñamos por certo, que a BD galega aparece nos anos 70 froito dunha decisión consciente de dous artistas, Reimundo Patiño e Xaquín Marín, que partillaban unha visión do medio que ía moito máis aló da realidade do seu tempo. Fronte ao acontecido noutros territorios, onde o cómic xorde de xeito espontáneo e se espalla pola súa rendibilidade comercial, configurándose como produto de masas de vocación infantil e sen pretensións artísticas, o cómic é contemplado por Patiño e Marín coma un instrumento privilexiado para a divulgación de mensaxes políticas. 2 Viaxes, o álbum con que ambos inauguraron a banda deseñada galega, sorprende hoxe pola sofisticación da súa proposta estética e tamén pola contundencia da súa mensaxe política, mais é a súa vocación popular, o feito de non estar dirixido a unhas elites lectoras senón ao conxunto da sociedade, o elemento que ao meu entender dota a súa proposta dunha peculiaridade maior. Fronte a introdución de ingredientes políticos no cómic como forma de reivindicación do carácter adulto do medio ou do seu valor cultural, Patiño e Marín aceptan a condición do cómic como entretemento de masas, ao tempo que se propoñen utilizar a súa popularidade como instrumento de concienciación social. A súa é unha concepción sorprendentemente avanzada, moi mediatizada polo contexto social e que, segundo demostra Carballo, ten en Patiño ao seu ideólogo principal.
Algo moi semellante pode dicirse do labor desenvolvido polo denominado Grupo do Castro (Xosé e Rosendo Díaz, Luís Esperante e Chichi Campos), que concibiron a seminal A Cova das Choias coma propaganda libertaria que tentaron difundir por todas as vías que tiveron ao seu dispor. Un dos méritos do labor investigador de Carballo é o de ter rexistrado as distintas exposicións de cómic galego que tiveron lugar nestes anos, tanto dos traballos do Grupo do Castro coma de obras de Patiño, Marín ou Pepe Barro entre outros, así como ter recollido os testemuños da súa recepción social e crítica. Un labor esixente que permite constatar que estes pioneiros da BD galega non se quedaban na simple retórica, senón que investiron grandes esforzos en converter o seu traballo nunha forma de intervención social.
O outro grande bloque da investigación de Carballo céntrase na paulatina incorporación do cómic galego á prensa periódica, establecendo unha cronoloxía que inclúe os principais xornais do País aos que engade cabeceiras como Teima e suplementos como Axóuxere e Vagalume, ao tempo que incorpora o labor de nomes esenciais das viñetas galegas como o propio Marín, Pepe Carreiro, ou Xosé Lois González Carrabouxo, pero tamén recuperando autores caídos no esquecemento, coma Alberte Permuy ou V. Veiga. Unha das descubertas máis sorprendentes para quen escribe estas liñas foi Comandante Iago, serial de ficción científica que Ulises L. Sarry desenvolvería para Axóuxere, suplemento infantil do xornal La Región que dirixiu Paco Martín, un título lamentablemente inconcluso que transparenta unha forte influenza da BD europea do momento (dende Valérian ata Barbarella), tanto polo debuxo de estilo realista como pola súa temática e desenvolvemento narrativo. Velaí unha outra virtude deste traballo, que revela a flagrante escaseza de reedicións de títulos esenciais da Historia da BD galega e demostra que a fraxilidade do sistema editorial galego é dobre no que ao cómic atinxe.

Viñeta de Comandante Iago de Ulises L. Sarry
O derradeiro fito do período analizado por Carballo é a publicación do fanzine Xofre, que implica non só a entrada en escena dunha nova xeración de autores, con nomes tan salientables coma Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez ou Fran Jaraba, senón tamén a irrupción dunha sensibilidade nova, que se afasta do imaxinario que ata ese intre se impuxera no cómic galego ao tempo que se achega a outras correntes creativas do seu tempo, procedentes fundamentalmente do cómic español e tamén do europeo. A crítica próxima ao galeguismo e ao nacionalismo, absolutamente identificadas coa liña dominante no cómic galego ata ese intre, recolleron este pulo renovador con frialdade cando non con hostilidade aberta. Este rexeitamento, difícil de entender dende parámetros actuais, confirma a idea de Xofre como produto singular que sinala o final dunha etapa e anuncia a seguinte. O proxecto esgotouse no seu único número pero foi un referente ineludible para a xeración que comezou a promover fanzines nos primeiros 80, e que terían en Prado, Jaraba e López Domínguez, reconvertidos xa en profesionais do cómic e a ilustración, un espello onde mirarse.
Estamos, xa que logo, perante un texto esencial para comprender as orixes da banda deseñada galega que ademais deixa o terreo preparado tanto para unha continuación cronolóxica como para quen queira tirar dalgúns dos moitos fíos que a investigación deixa abertos. A súa próxima publicación en forma de ensaio resulta fundamental para comezar a divulgar o coñecemento sobre unha peza esencial da cultura galega contemporánea.
Eduardo Maroño
#Xulio Carballo#Reimundo Patiño#Xaquín Marín#Grupo do Castro#Chichi Campos#Miguelanxo Prado#Xofre#BD Galega
0 notes
Text
Xulio Carballo charlará sobre o pasado, o presente e o futuro do galego na BD

Xulio Carballo ofrecerá unha charla-coloquio sobre o pasado, presente e futuro do galego na banda deseñada. O acto forma parte das actividades organizadas polo Concello da Coruña con ocasión do Día das Letras Galegas, e terá lugar este sábado 20 ás 20:00 horas na libraría coruñesa Alita Cómics. Licenciado en Filoloxía Galega, Teoría da literatura e literatura comparada, Carballo doutorouse en Estudios lingüísticos e literarios do galego e o portugués cunha tese sobre o cómic galego dos anos 70 e vén de comisariar a exposición BDG70: A revolta do cómic galego para o espazo Normal da Universidade da Coruña.
0 notes
Text
Presentación de Nimio: Fantasía Final na Coruña

Detalle da capa de Nimio:Fantasía Final
Anabel Colazo, Pau Ferrando, María Ponce, Núria Tamarit e Luís Yang forman Nimio, un fanzine nacido en Valencia, gañador do premio ao Mellor Fanzine no Salón do Cómic de Barcelona de 2016 e que durante anos brillou con luz propia no panorama da autoedición. Agora, necesitados de novos medios onde expresar as súas inquietudes e de seguir evolucionando, e acollidos por Ediciones La Cúpula, a xente de Nimio quere pasar páxina, e faino ao grande, cun derradeiro número especial de case 200 páxinas, Nimio. Fantasía Final, no que se despiden dos seus lectores e para o que contan coa colaboración dun selecto grupo de autores (e amigos): Álvaro Ortiz, Xulia Vicente, Lorenzo Montatore, Antonio Hitos, Roberta Vázquez ou Ken Niimura.
A libraría coruñesa Alita Cómics (Orzán, 94) acollerá este sábado 6 de Maio a partir das 19.00 horas a presentación de Nimio: Fantasía Final coa asistencia de parte do equipo responsable: Anabel Colazo, María Ponce e Luis Yang, que no seu día formara parte do colectivo Fume de Carozo e promovera xunto a Xulia Vicente, Paloma Tarrío e Uxía Larrosa o fanzine Sacoponcho.
0 notes
Text
Mini-Salón do Cómic en Vigo

Detalle da imaxe de cuberta de Dr Uriel
A libraría Banda Deseñada de Vigo anuncia a celebración do Mini-Salón do Cómic os vindeiros 5 e 6 de maio, coa presenza de diversos autores que presentarán os seus traballos máis recentes e asinarán os exemplares que achegue o público asistente. O venres 5 ás 18:00 haberá unha sesión conxunta de Pablo Velarde e Sento Llobell, que asinarán exemplares de Custodia compartida e Dr. Uriel respectivamente. O sábado 6, tamén a partir das 18:00 horas , visitará a tenda Ana Oncina para presentar ao público o seu novo cómic Croqueta y Empanadilla 3.
0 notes